A Adega e o seu ámbito
Ribeira Sacra
A Ribeira Sacra comprende as terras bañadas polo Sil e en menor medida polo Miño. Sitúase na zona do interior de Galicia onde se unen estes dous ríos. Antes de desembocar no Miño, o Sil flúe na fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense ao longo dun profundo canón, polo que crea unha paisaxe impresionante e pouco común, sinal de identidade deste territorio.
Nestes lugares, en moitos puntos bucólicos, noutros agrestes, establecéronse nos inicios do cristianismo monxes e eremitas para practicaren a vida ascética. Estes asentamentos deron lugar, co paso do tempo, a florecentes mosteiros que irradiaron arte, cultura e progreso material a toda Galicia. De aí o nome Ribeira Sacra, do que existe constancia escrita desde o século XII.
Como herdanza dos últimos 1.500 anos, esta parte de Galicia conta cun valioso patrimonio, no que non faltan castelos, igrexas, pazos ou pontes.
Outro dos tesouros desta bisbarra son os seus viños, un complemento perfecto para unha apreciada gastronomía, os cales se comercializan baixo a denominación de orixe Ribeira Sacra.
Adega Ponte da Boga
Adega Ponte da Boga está situada na Terra de Caldelas, unha zona de viños privilexiados con variedades vitícolas ancestrais, dos que xa os emperadores romanos gozaban.
Privilexiada orientación ao sol, acariciada polo curso do río Sil e protexida polo efecto termorregulador do Gran Canón, proximidade do río ás súas terrazas e socalcos, que son traballados de forma artesanal: todo isto fai que esta adega sexa un lugar de beleza non usual.