Os coidados
Todo o noso viñedo se cultiva segundo a disciplina de viticultura integrada. Baseámonos en medidas de prevención e saneamento naturais e só se trata a viña cando ten risco real de enfermidade, cos produtos menos agresivos para a fauna auxiliara, predadores naturais dalgunhas pragas da vide.
Outro aspecto que queremos coidar é o da renovación dos socalcos e do que entendemos polo bo cultivo típico da Ribeira Sacra. Nestas parcelas de pendente tan marcada, queremos fuxir dos socalcos moi anchos que se fan para favorecer a mecanización do cultivo e que deixan noiros moi altos, como cicatrices na montaña.
O noso compromiso co terroir da Ribeira Sacra é buscar a maior integración posible no ámbito, facendo pequenos socalcos dunha ou dúas fileiras de viña cun noiro pequeno.
Respectar o bo cultivo da Ribeira Sacra significa favorecer as variedades nobres autóctonas en detrimento das variedades foráneas que se plantaron antano.
Con este gran traballo, pretendemos devolverlle a súa singularidade a este gran viñedo.